O Departamento Téxtil do Laboratorio de Consumo de Galicia realiza controis de calidade e de seguridade dos produtos do mercado. Estes análises poden derivar de reclamacións, campañas ou inspeccións de oficio.

A actividade deste Departamento Téxtil desenvólvese de acordo co seu Sistema de Calidade; sistema que está acreditado  pola Entidade Nacional de Acreditación, ENAC, segundo os criterios da norma UNE-EN ISO/IEC 17025.

Realiza ensaios relacionados coa seguridade, principalmente en produtos que están destinados ás persoas máis vulnerables coma son os nenos, segundo a normativa que limita a presenza de determinados cordóns ou pezas pequenas en roupa de nenos e bebés. Para os produtos que non cumpran coas esixencias establecidas na normativa de seguridade desenvólvese o procedemento para a súa inclusión nas redes de alerta. Neste 2021 é líder de proxecto para o desenvolvemento da validación de métodos de ensaio no campo da seguridade de prendas infantís a nivel europeo.

Tamén determina parámetros de calidade dos produtos a disposición das persoas consumidoras, como poden ser a composición en fibras, o comportamento das tinturas fronte a diferentes sistemas de lavado, o comportamento á tracción ou o grao de xeración de pilling, entre outros.

Ademais promove e organiza a realización de exercicios de intercomparación a nivel internacional para avaliar a calidade dos resultados que proporciona. Neste campo dende o ano 2005 tamén forma parte da EPTIS que é un sistema internacional de información sobre ensaios de aptitude.

O Departamento Téxtil realiza periodicamente comunicacións científicas en foros o congresos internacionais como son os celebrados en Alemania (Berlín 2014), Rumanía (Timisoara 2015), España (Sevilla 2016) ou Eslovenia (Portorož 2017) onde foi galardoado co segundo premio no seo do 9th Workshop Proficiency Testing in Analytical Chemistry, Microbiology and Laboratory Medicine organizado por EURACHEM.

O Departamento Téxtil tamén participa nos grupos de traballo do CEN para a redacción da normativa técnica e realiza labores de formación ao alumnado da Universidade de A Coruña.