Xaneiro 2020

Inicia o ano 2020 e o Laboratorio de Consumo de Galicia comeza o seu traballo a nivel europeo no desenvolvemento de normativa técnica no campo da seguridade de prendas infantís.

Os traballadores e traballadoras do Laboratorio de Consumo de Galicia ( LCG ), órgano técnico do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ( IGCC ) da Xunta de Galicia, participan como expertos técnicos en diferentes grupos de traballo para o desenvolvemento de normativa técnica, tanto a nivel nacional como a nivel internacional.

A inicios deste ano, o LCG participou na primeira reunión que se desenvolve este ano do grupo de traballo do Comité Europeo de Normalización CEN TC 248 WG 20 “Seguridade das prendas infantís”. As sesións de traballo celebráronse na sede de MODINT, rede comercial de fabricantes, importadores, axentes e almacenistas de roupa, accesorios de moda, alfombras e téxtiles dos Países Baixos, onde están representadas máis de 600 empresas.

O grupo de traballo CEN TC 248 WG 20 “Seguridade das prendas infantís”, traballa baixo os mandatos da Comisión Europea, para o desenvolvemento de normativa técnica; normativa necesaria para desenvolver o control de mercado, tendo en conta a lexislación de aplicación. Forman parte deste grupo 72 membros de 21 países.

Actualmente estanse redactando normas para o control de prendas infantís que presenten cordóns, botóns ou peches a presión, entre outros. Por outra banda, o LCG é o líder de proxecto para o desenvolvemento do estudo colaborativo para a validación do procedemento de ensaio de peches a presión en prendas infantís.